Amarga vitoria

Non puido ser, os nosos fixeron o seu traballo gañando ao Cecebre, pero tocaba agardar a ver que acontecía no partido que enfrontaba a Perillo e Once Caballeros, e gañaron os Once (3-4), e aínda por enriba o destino quixo que o fixeran da forma máis cruel posible para nós, no último minuto.


Partido de nervios, o Cecebre non se xogaba nada e o Atlético San Pedro necesitaba gañar e agardar que pinchara o Once Caballeros. Víase pouco fútbol cando chegaron boas novas desde Icaria, partido que por certo comezara 10 minutos antes da hora, o Perillo adiantábase no marcador, pero en Lendoiro nós eramos incapaces de xerar ocasións claras. Así foi ata que Jaco cazou un balón de Marín a espalda da defensa e fixo o 0-1 (26′). Tocaba controlar o partido e tratar de marcar o gol da tranquilidade, pero non foi así, seguimos nerviosos, precipitados ás veces, sen lograr a pausa necesaria. Mentres, as novas desde o outro partido melloraban se cadra, segundo do Perillo, a cousa pintaba ben. Chegábase ao descanso nos dous encontros, con estos resultados o ascenso directo era noso.

Segunda metade, todo segue igual, nervios, ían transcurrindo os minutos e chegaban malas novas, dous goles do Once empataban o partido, aínda así o resultado seguía a sernos favorable, tiñamos que pechar o noso partido pero non eramos quen de facelo. Gol do Perillo, 3-2, alí quedaban 20 minutos, nese intre na grada había máis medo a que nos empatase o Cecebre e quedásemos con cara de parvo que á remontada do Once. Seguíamos a non ser capaces de controlar o partido e o Cecebre estaba meténdonos atrás, aínda que eles non creaban ocasións claras de perigo tampouco o Atlético San Pedro era quen de chegar arriba. Así estaba a cousa cando empataba o Once Caballeros, rumor na grada, os xogadores no campo, alleos ás novas, o último que sabían era que o Perillo gañaba 2-0, cambiara un pouco o conto desde o descanso pero aínda os resultados seguían a chegarnos para ascender.

Morría o encontro en Icaria cando quedaban 10 minutos para rematar o noso e chegaba o que ninguén dos presentes en Lendoiro querían escoitar, gol do Once Caballeros, no derradeiro minuto do seu partido, xerro de auga fría para toda a xente do Atlético, o conto cambiaba de verdade agora, convertíase en película de terror para nós. Final do Perillo – Once Caballeros, silencio entre os siareiros branquivermellos desprazados, xa non importaba o noso resultado, coa vitoria do Once o ascenso directo era deles. Cando a xente trataba de dixerir o asunto Lamas marcaba o definitivo 0-2 (88′) e todo o equipo corría a celebralo. É nese intre cando os xogadores, ao decatarse da frialdade da sua afección, son conscientes do escenario, de pouco serve a súa vitoria, o ascenso directo escapouse entre os dedos. Volven cara o seu campo afundidos baixo unha ovación da súa xente que lles agradece o esforzo realizado. Xa pouco máis que contar ata o pitido final.


Alineación: Javi, Gonchi, Jose, Marquitos, Pirri, Fran, Marín, Lamas, Fran Ares, Juli, Jaco.
Suplentes: Cuco, Adrián, David (Fran Ares 59′), Iván (Marín 74′).
Goles: Jaco (26′), Lamas (88′).


Non dependíamos de nós, o destino foi cruel pero este era un escenario probable, toca levantarse, toca pensar na fase de ascenso, ese foi o obxectivo marcado ao principio da tempada, lograr o ascenso directo era un premio a maiores. Dúas eliminatorias, catro partidos, catro batallas para acadar o ascenso. Non é o momento de renderse, comeza unha nova loita.

Moitas grazas desde o Club por todo o apoio recibido, tanto nestes días previos como no propio partido cunha gran afluencia de xente do San Pedro, esperamos contar con todos vos tamén para a fase e poder correspondervos acadando o ascenso.

E por suposto, felicitar o Once Caballeros polo ascenso a segunda autonómica e polo campionato de terceira. Moita sorte para o vindeiro ano e ogallá que nos vexamos as caras.


¡AÚPA ATLÉTICO SAN PEDRO!


One comentario en “Amarga vitoria

  1. […] At. San Pedro hizo lo que tenía que hacer […]

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

You may use these HTML tags and attributes:

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>